
Verín pon o broche ao Entroido cun xantar popular e a entrega dos Galardóns do Entroido 2026
22/02/2026O deseño combina a estética dos antigos carteis festivos cun Cigarrón que irrompe en pleno movemento, como expresión dunha tradición viva.
Verín, 6 de novembro de 2026. O Concello de Verín presenta o cartel do Entroido 2027, obra do creativo Jorge Godás. Baixo o lema «Historia, tradición, cultura», a proposta conecta a memoria colectiva coa vitalidade dunha celebración que se renova cada ano sen perder a súa identidade.
O deseño inspírase na cartelería festiva de principios do século XX e nas ilustracións populares. Os tons ocres, a textura do papel envellecido, a tipografía clásica e o tratamento pictórico da imaxe evocan unha peza recuperada do pasado. Sobre ese fondo irrompe a figura do Cigarrón, que parece atravesar o papel cunha actitude enérxica, desafiante e festiva.
Esta ruptura visual é o elemento central da composición: o personaxe sae ao encontro de quen observa o cartel e transforma a súa aparencia antiga nunha escena dinámica. «O Entroido de Verín rompe o tempo e proxéctase cara ao futuro sen perder a súa identidade. Cada ano rompe co pasado para volver nacer», explica Godás.
O lema «Historia, tradición, cultura» reforza esta lectura da obra. A historia reflíctese na estética dos antigos carteis; a tradición cobra vida no Cigarrón; e a cultura exprésase como un patrimonio compartido que se transmite entre xeracións e se vive nas rúas da vila.
O Entroido de Verín rompe o tempo e proxéctase cara ao futuro sen perder a súa identidade. Cada ano rompe co pasado para volver nacer.
Jorge Godás, autor do cartel
A mitra introduce unha nota de cor e fantasía. Sobre un intenso fondo azul, un sol de rostro humano e sorriso cómplice aparece rodeado de flores que evocan a primavera e o renacer da natureza. Estes motivos contrastan coa sobriedade do papel envellecido e achegan unha mensaxe de optimismo que o autor resume cunha expresión: «En Verín ata o sol se disfraza».
A concelleira de Cultura, Samanta Barreira, destaca que «o cartel recolle a emoción coa que vivimos o Entroido e o vínculo que mantemos con el desde pequenos. Ese Cigarrón que atravesa o papel transmite a forza dunha festa que herdamos e que cada xeración fai súa».
O cartel anuncia as datas do Entroido de Verín 2027, que se celebrará os días 28 e 31 de xaneiro e 4, 5, 6, 7, 8 e 9 de febreiro, e incorpora a súa distinción como Festa de Interese Turístico Nacional.
